Manifesto do CERMI polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade

03/12/2020

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro, o CERMI fai público o seguinte manifesto co título "As persoas con discapacidade e as súas familias esixen estar presentes na reconstrución social e económica postpandemia". Dispoñible en versión de lectura fácil e pictogramas.

As persoas con discapacidade e as súas familias esixen estar presentes na reconstrución social e económica postpandemia


 

Con motivo do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, que cada ano se celebra o día 3 de decembro, no correspondente ao ano 2020, o CERMI fai público o seguinte


 

MANIFESTO


 

O movemento social de dereitos humanos das persoas con discapacidade e as súas familias en España, articulado no CERMI, como instancia cívica de representación, interlocución e incidencia políticas, reclama que a discapacidade estea presente en posicións relevantes na reconstrución social e económica, que se está acometendo tras a pandemia ocasionada polo coronavirus.


 

Falar de pandemia, que tanta desolación e destrución está a traernos, lévanos como primeiro impulso a realizar un recordatorio sentido e doído ás vítimas e persoas damnificadas pola enfermidade e ás súas familias que, no ámbito da discapacidade, están a ser estremecedores. Inmediatamente, tras a evocación de quen sufriron, imponse dar as grazas ás familias, profesionais e persoal voluntario que nesta crise de saúde pública, dando o mellor de si mesmas, están a ter ás persoas con discapacidade no seu horizonte de preocupación, atención e coidados.

 

Xunto ás persoas maiores, as persoas con discapacidade estamos a ser dos grupos sociais máis castigados, en medida desorbitada, por esta pandemia, e non só por condicións obxectivas (estados de saúde preexistente, etc.), senón sobre todo por factores sociais, políticos, económicos e legais que nos colocan en posición de fraxilidade extrema ante unha emerxencia sanitaria destas proporcións.

 

As persoas con discapacidade sentimos que rexe unha lei inexorable e fatal que leva consigo irremediablemente que cando á sociedade, ao país vaille mal, ao social, á discapacidade, vaille moito peor; e cando á sociedade, ao país, vaille ben, ese benestar non chega, ou só fragmentos mínimos, ás persoas con discapacidade e ás súas familias. Rebelámonos contra esa norma non escrita, ausente de toda ética, tan obscena e ferinte como plena de vixencia e eficacia.


 

As persoas con discapacidade, mulleres e homes, e as súas familias, a súa articulación social, recibimos -estamos a recibir- o impacto exacerbado da pandemia. Multitude de informes, estudos e investigacións confeccionados estes meses evidencian as xeneralizadas violacións de dereitos que as persoas con discapacidade -máis nas persoas con discapacidade maior- experimentaron neste tempo de pandemia, unha cartografía do lado escuro do que nos tocou vivir estes meses e da súa alongada sombra para os próximos.


 

Hai que falar de reconstrución, si, tamén na esfera da discapacidade, porque a devastación está a ser intensa e extensa no noso grupo de poboación, e nas súas estruturas e redes de apoio, sempre precarias, agora xa case exhaustas.


 

A reconstrución que nos interpela como comunidade e país; o rexurdimento verdadeiro e digno que nos agarda, ha de ter, só pode ter rostro social. O social non é unha cuestión menor na axenda pública; o social, o benestar individual e grupal, a inclusión, os dereitos humanos de todas as persoas, é como nunca a condición determinante da viabilidade e continuidade das comunidades políticas organizadas, das sociedades. Sen o social -entendido como a calidade e a calidez inherente ás democracias máis robustas e decentes- non hai paz social, non hai vida en comunidade estable, suxestiva, harmónica. Unicamente respectando o social, a nosa vida social será respectable.


 

A axenda de proposicións que traslada o movemento CERMI con vistas a esta reconstrución está atravesada polo enfoque de dereitos humanos, irrenunciable e único aceptable cando se trata de discapacidade, e polo de xénero, mulleres e nenas con discapacidade, nais coidadoras e mulleres con discapacidade maiores, que deben constituír o grupo preferente de actuación das políticas públicas de igualdade e das de inclusión.


 

Que as persoas con discapacidade e as súas familias, e as súas estruturas cívicas de benestar, estean na reconstrución social e económica do país, pasa necesariamente por este programa de acción, que se resume no seguinte.

 

 

DECÁLOGO

Creación inmediata, na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, dun Fondo de rescate de emerxencia postpandemia de 300 millóns de euros para o sector social da discapacidade, dentro dun máis amplo e global de 1.000 millóns de euros para todo o terceiro sector de acción social de ámbito estatal. Isto mesmo, levarase a cabo, en proporción á súa dimensión, en cada Comunidade e Cidade Autónoma. E, con posterioridade, ancorar un marco de financiamento estable e suficiente, que nos faga abandonar a agonía perpetua das redes cívicas de promoción social en España.


 

Constitucionalización coa categoría de fundamentais dos dereitos sociais na nosa Carta Magna. Así como, atribuír ao Estado o carácter de regulador e garante último deses dereitos sociais. De igual modo, hase de operar no nivel correspondente, no ordenamento das Comunidades e Cidades Autónomas.


 

Activación das persoas con discapacidade. Adopción dun movo marco legal estatal para a inclusión laboral que nos leve en 5 anos a aumentar ata o 50 % a taxa de actividade laboral deste grupo, o que suporía a creación de máis 200.000 novos empregos dignos e decentes, con particular intensidade nas persoas con discapacidade de especiais dificultades de inserción, nas mulleres e en persoas con outros factores sociais de desvantaxe engadidos. Hai tamén que establecer unha protección reforzada da iniciativa social empregadora.


 

Acabar coa hostilidade da contorna cara ás persoas con discapacidade ou, por outro nome, lograr ver implantada a accesibilidade universal en todas as contornas: Reforma inmediata da Lei de Propiedade Horizontal; regular a accesibilidade cognitiva como nova dimensión; mellorar o marco normativo da accesibilidade audiovisual, asegurar a accesibilidade á comunicación e á información.


 

Contar con apoios suficientes e efectivos, que proporcionarán, co rango de dereito subxectivo, os poderes públicos, para que as persoas con discapacidade poidamos elixir como e onde vivir, e como desenvolver un proxecto de vida libremente elixido. Isto pasa, aquí e agora, por xeneralizar a asistencia persoal como prestación máis inclusiva; acometer unha estratexia ambiciosa de desinstitucionalización, para que ningunha persoa con discapacidade se vexa obrigada a vivir onde non queira nin na forma que non desexe; estender efectivamente a autonomía persoal, facendo realidade a vida independente. Necesítase unha Axenda Urbana reinventada, que pense e poña en práctica novas formas habitacionais inclusivas e comunitarias para as persoas con discapacidade, incluídas as persoas con discapacidade maiores.


 

Universalizar a inclusión, dispondo de apoios reais, suficientes e individualizados en todas as contornas da vida da persoa con discapacidade: no educativo, no laboral, no social, no sanitario, no deportivo, no consumo, no acceso a bens e servizos ao dispor do público, no acceso á información e a comunicación, etc.


 

Creación sen máis escusas nin demoras dun auténtico espazo sociosanitario, como provedor de benestar e rede de soporte, que garanta apoios para unhas condicións dignas de vida ás persoas con necesidades complexas e superpostas: educativas, sociais e sanitarias.


 

Axudar a quen de verdade axuda, as familias, que son a primeira e última rede de apoio e protección e principal resorte de inclusión dos seus membros con discapacidade, en especial da infancia e das persoas maiores. Son necesarias máis que nunca políticas familiares integrais e robustas, que outorguen unha protección intensificada a aquelas familias nas que hai unha situación de discapacidade


 

A transformación dixital das estruturas, dos procesos e da vida social non pode facerse a expensas ou expulsando ás persoas con discapacidade; o dixital debe ser accesible, alcanzable e sensible coa diversidade humana, desde a orixe, representando unha fonte de oportunidades para selar as fracturas e exclusións que aínda nos apartan da corrente xeral da comunidade.


 

10º O social, debe ser tamén verde e próximo. As persoas con discapacidade, e particularmente aquelas de idade avanzada, que residen no medio rural, para poder considerar a esta contorna como amigable, deben contar con recursos e apoios, que lles permitan fixarse e desenvolverse humanamente alí onde queren vivir. Un despregue axeitado do potencial da economía verde axudará a fixar poboación e a un desenvolvemento sostible, que diminúa a precariedade económica e xere formas de riqueza non depredadoras respectuosas con todo tipo de bens valiosos.

 

 

Fondos europeos

Para que o anterior decálogo teña virtualidade, necesítanse recursos económicos e financeiros. Os fondos europeos, en todas as súas expresións, deben mobilizar recursos suficientes que teñan como destino promover activamente a inclusión social das persoas con discapacidade. Os distintos fondos dotarán aos Estados parte, entre eles España, de financiamento que permita acometer a reconstrución social, económica e tecnolóxica tras a pandemia do coronavirus COVID-19 e que xeren cambio social en ámbitos críticos como a inclusión laboral, a accesibilidade universal, a educación inclusiva, a reconfiguración dos modelos e apoios ás persoas con discapacidade e o respaldo á transformación do seu sector cívico.


 

A anhelada reconstrución social e económica precisa da alianza entre os poderes públicos, o tecido empresarial e a sociedade civil organizada, que deben ensaiar novos formas de gobernanza ampliada, desenvolver unha auténtica co-gobernanza.


 

As persoas con discapacidade, mulleres e homes, e as súas familias, queremos estar en condicións, na España reconstruída, de estender a man soamente para estreitala e enlazala a outras, no afán compartido de contribuír á permanente mellora colectiva, corresponsabilizándonos; nunca máis para pedir e esperar esmolas e miserias.


 

Sen deixar de denunciar as severas carencias do presente, o movemento social da discapacidade, o CERMI e as súas Organizacións, tratan de repensar a realidade dada para, sobre a mesma, aplicar grandes doses de transformación. Precisamos tempos e comunidades renovadas que permitan a todas as persoas e grupos despregar a plenitude dos seus proxectos vitais en sociedades mestas, suxestivas e harmónicas nas que ninguén sobre. E nas que toda contribución sexa benvida e celebrada.


 

3 de decembro de 2020.


 

CERMI

Fundación CERMI Mujeres

 

 

VERSIÓN EN LECTURA FÁCIL 

 

 


 

 

 

 

 

 

VERSIÓN EN PICTOGRAMAS

 

 

 

 

 

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información