• XSolidaria 2021 png

Noticias

Manifesto polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Manifesto polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Este é o Manifesto que a Fundación Cermi Mujeres publica hoxe, 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller . Podes lelo completo a continuación e na súa versión en lectura fácil.

 

XA ABONDA DE VIOLENCIA    CONTRA AS MULLERES CON DISCAPACIDADE!

 

Hoxe, 25 de novembro, lembrando:

 

Que a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, en vigor no noso país desde o ano 2008, recoñece no seu Preámbulo que as mulleres e as nenas con discapacidade adoitan estar expostas a un risco maior, dentro e fóra do fogar, de violencia, lesións ou abuso, abandono ou trato neglixente, malos tratos ou explotación;

 

Que o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica (Convenio de Istambul) está vixente no noso país desde o ano 2014;

 

Que a Axenda 2030 persegue a través do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) nº 5 poñer fin a todas as formas de discriminación contra as mulleres e nenas e eliminar todas as formas de violencia contra elas nos ámbitos público e privado, incluídas a trata e a explotación sexual;

 

Que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero explicitamente recolle medidas específicas para abordar a violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade;

 

A Fundación CERMI Mujeres quere alzar a voz para denunciar a situación na que se atopan miles de mulleres con discapacidade no noso país vítimas da violencia machista ou en serio risco de sufrila, en todas as súas modalidades sen excepción e que seguen permanecendo invisibles nas políticas públicas neste ámbito.

 

Este ano 2020 estivo marcado pola irrupción inesperada dun virus ata a data descoñecido que produciu unha emerxencia non só sanitaria, senón tamén política e social de dimensións impredicibles e cuxo impacto global aínda non podemos dimensionar. O que si se puxo de manifesto é a situación de extrema vulnerabilidade de miles de mulleres e nenas con discapacidade, así como de nais e coidadoras de familiares con discapacidade, quen viron conculcados os seus dereitos máis elementais durante a pandemia en moitos países do mundo.

 

Esta realidade sacaou á luz os déficits dunha sociedade que aínda considera prescindibles certos recursos e servizos que son esenciais para unha muller con discapacidade no seu día a día, o que se traduciu nunha vulneración de dereitos fundamentais durante este período de excepcionalidade.

 

Especialmente preocupante foi, e segue sendo a día de hoxe, o incremento no número de solicitudes de información e de axuda rexistradas nos servizos especializados en violencia de xénero e o negativo impacto que as restricións establecidas produciron en moitas mulleres que se viron obrigadas a convivir, sen alternativa posible, co seu maltratador. Moitas mulleres con discapacidade experimentaron de maneira máis lacerante, se cabe, como os recursos e servizos dispoñibles facíanse máis afastados e inaccesibles durante estes meses de peche.

 

Moitas mulleres con discapacidade, particularmente maiores, seguen vivindo institucionalizadas en centros segregados, o que ocasionou graves consecuencias para elas durante a pandemia. Boa parte destas institucións seguen hoxe en día confinadas, a pesar de que o resto da poboación non o estea.

 

É moi preocupante tamén o caso das mulleres con discapacidade sometidas a explotación sexual e trata, cuxa situación se viu especialmente agravada durante a pandemia.

 

E isto é así, aínda cando os datos que nos ofrecen as últimas estatísticas oficiais, como a Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019, sinalan que o 20,7 % das mulleres con discapacidade sufriu violencia física ou sexual dalgunha parella, fronte ao 13,8 % das mulleres sen discapacidade, unha diferenza que, ao noso xuízo, debe facer reflexionar ás e aos responsables políticos do noso país. Así mesmo, esta Macroenquisa recolle que o 17,5 % das mulleres con discapacidade que sufriu violencia física, sexual, emocional ou sentiu medo das súas parellas afirma que a súa discapacidade é consecuencia da violencia exercida sobre elas.

 

O acceso á xustiza está negado na práctica ás mulleres con discapacidade, non só polos obstáculos de accesibilidade e de falta de axustes de procedemento no sistema xudicial e porque a asistencia letrada é inaccesible para elas, senón, o que é máis ferinte, polas barreiras mentais que xuíces, fiscais, avogados e persoal policial impoñen na súa práctica profesional ás poucas mulleres con discapacidade que tratan de acceder á xustiza. De feito, o persoal xudicial a miúdo é remiso a dar crédito aos testemuños das mulleres con discapacidade e tampouco adoita abrir causas por actos de violencia contra elas porque pode esixir máis recursos debido á necesidade de asegurar a verdade sobre a capacidade da vítima de consentir e prestar testemuño. As poucas sentenzas xudiciais que existen sobre mulleres con discapacidade, en lugar de protexelas, son contrarias ao pleno respecto dos seus dereitos humanos.

 

Estamos ante unha realidade que, lonxe de ser anecdótica, no caso das mulleres con discapacidade convértese case nunha regra nas nosas vidas, polo que é necesario aplicar políticas adecuadas que tomen en consideración as nosas demandas específicas e non tachen a estas flagrantes violacións dos nosos dereitos humanos como meras excepcións.

 

Fai máis de quince anos que entrou en vigor a Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, e tres que contamos cun Pacto de Estado nesta materia, pero os datos que nos arroxan as estatísticas oficiais aínda seguen sendo tremendamente opacos en relación coa violencia machista sufrida polas mulleres con discapacidade. Ademais, os servizos de atención a mulleres vítimas de violencia seguen presentando graves déficits na súa accesibilidade, non permitíndonos facer uso deles sen trabas engadidas. A isto hai que sumar que as e os profesionais deste ámbito seguen a ter importantes lagoas na súa formación sobre a violencia contra as mulleres desde a perspectiva da discapacidade e, ao mesmo tempo, o modelo adoece de protocolos efectivos que permitan a coordinación interinstitucional cando a muller vítima de violencia de xénero ten unha discapacidade.

 

Son moitas as cuestións que un día contra a violencia como o que hoxe conmemoramos nos moven a manifestarnos un ano máis e esixir:

 

  1. Que se poña en marcha unha Macroenquisa específica sobre a violencia da que son obxecto as mulleres e nenas con discapacidade, así como as nais e coidadoras de familiares con discapacidade, que permita valorar as actuais medidas lexislativas, administrativas e políticas xerais e específicas para a súa protección e recuperación, tendo debidamente en conta os riscos concretos e os factores de vulnerabilidade, como a incapacitación legal, a institucionalización, a pobreza, a ruralidade, a idade e o tipo de discapacidade.

 

  1. Que se garanta a accesibilidade universal dos centros e servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, dos xulgados, e das campañas e materiais informativos de sensibilización, pois, ademais, trátase dun mandato establecido na Lei Integral de Medidas de Protección contra a Violencia de Xénero.

 

  1. Que se garanta o acceso á xustiza das mulleres e nenas con discapacidade, asegurando a plena accesibilidade de todas as garantías procesuais, mesmo mediante axustes de procedemento e adecuados á idade, o acceso á información e á comunicación e á asistencia humana e tecnolóxica de apoio que elixan as mulleres con discapacidade nas súas relacións co sistema de xustiza.

 

  1. Que se asegure que todas as institucións residenciais, de saúde mental, centros de día e outros sexan supervisados efectivamente por autoridades independentes a fin de impedir que se produza casos de neglixencia, malos tratos, abuso e violencia.

 

  1. Que en cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero se traballe no desenvolvemento e implantación da figura da asistencia persoal no ámbito da violencia contra as mulleres con discapacidade.

 

  1. Que se reforce a formación que reciben os corpos e forzas de seguridade do Estado, os servizos sanitarios e os servizos sociais en materia de violencia contra as mulleres con discapacidade.

 

  1. Que se impulsen protocolos de coordinación entre os principais actores involucrados na abordaxe da violencia machista: os corpos e forzas de seguridade do Estado, os servizos sociais e sanitarios e as organizacións sociais especializadas na materia. Neste punto o movemento asociativo da discapacidade, e máis concretamente as organizacións de mulleres con discapacidade, poden desenvolver un labor de acompañamento fundamental.

 

  1. Que se poña en marcha un estudo diagnóstico que permita coñecer a situación na que se atopan mulleres con discapacidade sometidas a prostitución e trata e asegurar a súa adecuada consideración no próximo Plan integral de loita contra trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

 

  1. Que as futuras leis de garantía da liberdade sexual e contra as violencias machistas non nos ignoren e inclúan esas outras formas de violencia que tamén sufrimos polo mero feito de ser mulleres e nenas con discapacidade, tales como a manipulación e o engano, onde a ausencia de consentimento libre e informado constitúe un compoñente fundamental; ou como as esterilizacións perpetradas sen o noso consentimento, prácticas que contraveñen o Convenio de Istambul.

 

  1. Que non quede no esquecemento a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, ferramenta clave que debe ser reformada para orientala á autonomía persoal e dotala orzamentariamente, co fin de que poida servir para promover realmente a vida independente de miles de mulleres con discapacidade como factor para a prevención da violencia.

 

Se algún ensino podemos extraer desta pandemia mundial, é que os dereitos humanos de todas as mulleres deben permanecer sempre vixentes sen que a excepcionalidade da situación poida levar aos poderes públicos a distinguir entre unha cidadanía de primeira e outras cidadanías subalternas.

 

NIN UNHA MENOS!

AS MULLERES E NENAS CON DISCAPACIDADE EMPODERADAS, VISIBLES E DIVERSAS REIVINDICAMOS O NOSO DEREITO A UNHA VIDA LIBRE DE VIOLENCIAS!

 

 

VERSIÓN EN LECTURA FÁCIL

 

 

 

Categorías: Discapacidade

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación. Si pulsa en aceptar, consideramos que admite su uso.
Puede obtener más información en nuestra Política de Cookies.

Aceptar Rechazar