Proxecto de actividades deportivas para menores

08/01/2014

Rehabilitación e xogo para nenos e nenas de Sarela con dano cerebral adquirido.

Estímase que cada ano 250 nenos de cada 100.000 desenvolven un Dano Cerebral Adquirido (DCA) por mor de traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais e mesmo ictus. Esta é a principal razón pola que cinco asociacións de dano cerebral se implicaron no proxecto 'Actividades Físico-Deportivas para Menores con DCA' impulsado por FEDACE e desenvolvido coa colaboración da Fundación Inocente-Inocente. O proxecto permite que 30 menores con dano cerebral gocen de espazos lúdicos-rehabilitadores; desenvolvendo as súas capacidades á vez que realizan lecer inclusivo e se relacionan con outros nenos e nenas.
 
 
A través deste proxecto apórtase material para o desenvolvemento destas actividades e os profesionais logran un espazo para planificar e realizar actividades que favorecen a autonomía persoal dos menores e a súa inclusión social. Todo iso de forma divertida; con actividades como saídas con bicicletas adaptadas, fútbol e baloncesto (para coordinación) ou itinerarios con aros e xogos de psicomotricidade (para o equilibrio).
 
 
Grazas a estas actividades os menores gozan de sensacións totalmente novas; como é o caso de Alba, de ADACEMA (Málaga): a pequena levaba anos sen poder montar en bicicleta e antes de iniciar o proxecto traballara con estáticas, onde tiña que forzar moito o pedaleo. Coa bicicleta adaptada Alba foi mellorando a súa capacidade de pedaleo e agora pode montar con axilidade nela e ir ao parque cos seus amigos. Isto é posible porque as bicis non se utilizan só en actividades da asociación, senón que se activou un servizo de préstamo para que as familias se repartan o uso da bicicleta cada fin de semana.
 
 
Na asociación malagueña tamén está Yanire, unha moza de 11 anos que nunca antes montara en bicicleta. A súa aprendizaxe foi algo complicada, porque ao principio tiña un pouco de medo. Pero ao final está tan entusiasmada que non quere deixar de pedalear nunca.
 
 
As bicicletas adaptadas non son o único apoio deste proxecto. Por exemplo, na asociación ADACEA Alacante están organizando saídas cun grupo scout da zona, para que así os rapaces teñan oportunidade real de que o seu lecer sexa inclusivo. Estas saídas son moi variadas; desde excursións ao campo ata visitas a un dos cuarteis de bombeiros da cidade.
 
 
Outro exemplo é o uso do futbolín, como se fai en Sarela. Un dos nenos que participa nesa actividade conta: "Pásoo moi ben e vénme fenomenal porque teño que manterme de pé toda a partida... e iso que ás veces canso... pero non podo deixar colgado ao meu compañeiro!". O uso do futbolín tamén axuda a mellorar a coordinación e o movemento, como di o rapaz: "Teño que utilizar ambas mans, a min dáseme mellor coa dereita porque coa esquerda cústame bastante agarrar. Pero aínda así ás veces dou uns pelotazos que deixan ao porteiro pasmado".
 
 
Os pais tamén se mostran contentos co desenvolvemento do programa, destacan que "está sendo unha experiencia moi positiva". Non o é só por ver como os seus fillos gozan, tamén o é para eles porque se creou un espazo que favorece relacións con outros familiares, ao ser unha actividade de grupo. Pola súa banda, os profesionais sinalan que este proxecto supuxo "o empuxe para comezar con actividades físico-deportivas nun marco de lecer". O proxecto resulta moi completo, non só se traballan aspectos físicos, senón tamén relacionados con logopedia ao facer que os menores se comuniquen entre eles. Segundo unha das profesionais, "moitos dos obxectivos que se formulan nas sesións individuais son traballados sen que os participantes se decaten de que o están facendo, xa que só se centran en gozar da actividade grupal".
 

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información