que é a TERAPIA ACUÁTICA?

A terapia acuática é unha intervención terapéutica no proceso de rehabilitación da persoa con dano cerebral adquirido con trastornos sensitivo-motores. As sesións na auga esixen a busca constante do equilibrio, simetría corporal, control motor e coordinación muscular e  proporcionan maior estimulación táctil e sensorial.

As sesións prográmanse en función das necesidades da persoa, tanto dentro como fóra da auga. Valoramos o seu potencial  e estimúlanse as capacidades nun entorno diferente.

Nesta actividade participan as persoas usuarias do Servizo de Atención Especializada (SAE) de Sarela pero está aberta a todas as persoas con DCA. Á vez, realizamos traballo específico con bebés e nenos/as.

As sesión son de carácter individual para as persoas do SAE e os seus obxectivos son diversos: relaxar e fortalecer a musculatura, estimular as reaccións que axudan a manter o equilibrio, traballar a marcha, mellorar a capacidade aeróbica etc.

A actividade en grupos é aberta e organízase cun máximo de 3 ou 4 persoas. Está destinada a persoas con dano cerebral que pasaran a fase individual subaguda e que teñen certo grado de autonomía e mobilidade.

A actividade para bebés e nenos/as ten un carácter lúdico e está pensada para desfrutar en compaña dos pais e nais ou das persoas coidadoras. Os seus beneficios son múltiples a nivel motor, socioafectivo e cognitivo.

Características da piscina accesible

Unha das dotacións máis destacadas da sede de Sarela é a piscina accesible. Deseñada especificamente para as persoas con problemas de mobilidade, incluso severos, está equipada cunha grúa que permite chegar ao vaso directamente desde o vestiario.

Esta piscina ten unhas dimensións aproximadas de 5 por 4 metros e unha profundidade que vai dos 1,12 aos 1,32 metros. A auga, como todo o ambiente, está climatizada a unha temperatura duns 30 grados e o vaso ten unha barra en dous dos seus laterais para facilitar a mobilidade unha vez dentro da auga.

A entrada á auga faise por unha escaleira con pasamáns ou empregando a grúa que conta con tres arneses diferentes (dous para acceder en posición sentada e un en posición tombada). A grúa permite acceder directamente desde un dos vestiarios equipado con padiola. As instalación complétanse con dous vestiarios con ducha e wc e un vestiario libre.

Para a realización das actividades a piscina está equipada con flotadores verticais, churros, chanzos, colchóns, pelotas, canastra etc.

Vídeos explicativos do Servizo de Terapia Acuática

Terapia acuática 1. Presentación.

Neste vídeo explicamos as características da piscina accesible que temos na sede de Sarela así como as bases da terapia acuática que realizamos con persoas con DCA.

Terapia acuática 2.

Neste vídeo explícase a maneira de traballar o equilibrio, a coordinación, a atención e axustes posturais.

Terapia acuática 3.

Resumo dunha sesión con nenos/as da actividade acuática que realizamos na piscina accesible de Sarela.

Terapia acuática 4.

Neste vídeo explícase o traballo que realizamos cunha persoa con máis problemas de mobilidade.

Terapia acuática 5.

Neste vídeo explícase unha sesión cunha persoa con dano cerebral que traballa a disociación de movementos de brazos e pernas, a coordinación, o equilibrio ou o cambio rápido de posicións. O obxectivo é automatizar eses movementos para empregalos no seu día a día.

Este servizo conta cunha subvención da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a súa experiencia e os nosos servizos, así como mostrarlle, desde o noso sitio web ou os de terceiros, publicidade baseada na análise dos seus hábitos de navegación. Se pulsa en aceptar, consideramos que admite o seu uso.
Pode obter máis información na nosa Política de Cookies.

Máis información